CRTVG

Buscar

Máis de 90 compañías participan en Galicia Escena Pro, a feira de artes escénicas

Publicado o 08/06/2021 20:59

O público entra na sala. Pero este público non é un público xeral, é un público profesional. Porque isto é Galicia Escena Pro, o mercado das artes escénicas. Participan 95 compañías. 19 delas amosan as súas obras nos escenarios, as demais presentaranlles os seus traballos aos programadores en espazos de encontro coma esta Zona Pro, onde se respira o balbordo dun sector efervescente.

"Necesitamos seguir traballando en equipo para darlle visibilidade ao sector. Este evento é un exemplo diso, porque é unha colaboración público privada", sinala Jacobo Sutil, o director de Industrias Culturais da Xunta.

A Xunta e a asociación Escena Galega organizan esta feira que concertou máis de 200 reunións entre as compañías e quen as pode contratar. Falamos das obras de teatro, danza, novo circo e maxia que poderemos ver proximamente na nosa rede de salas. Falamos da escena de Galicia entre moita xente que fala da escena de Galicia.

"O teatro galego, non só en Galicia, senón tamén fóra, está cada vez máios valorado e participa en moitos festivais", di Juan Rodríguez, presidente de Escena Galega.

Verase nos meses vindeiros cantas contratacións poderán saír desta feira.

Noticias web

08/06/2021