Máis de nove mil hectáreas arrasadas nunha ducia de incendios en Ourense
• Os lumes de Lobios e Vilariño suman 4.000 hectáreas calcinadas
• Estabilizado o de Vilardevós e controlado o da Gudiña
• Detido o presunto autor de varios incendios en Boiro e Lousame
Galicia loita contra unha ducia de incendios, nunha semana negra que contabiliza máis de 9.000 hectáreas devoradas polo lume en apenas catro días en tres provincias: a de Ourense, que levou a peor parte, Lugo e Pontevedra. Tamén hai cuantiosos danos ambientais en espazos protexidos, como o Parque Natural do Xurés e o Macizo Central ourensán.
Na actualidade, o groso de efectivos de extinción concéntrase na provincia de Ourense a fin de combater máis dunha ducia de incendios que seguen activos. No municipio de Vilariño de Conso, do mesmo xeito que en Lobios, o lume supera as 2.000 hectáreas calcinadas e chegou a ameazar núcleos de poboación, ata o punto de que foi necesario activar no día de onte a situación dúas de emerxencia pola proximidade do lume a dous núcleos da localidade. Nesta localidade, os veciños saíron á rúa con tractores e todo tipo de ferramentas para evitar que o lume entrase nas súas casas.
Pola súa banda, en Río Caldo, en Lobios, con máis de 2.000 hectáreas queimadas, o lume segue devorando ao seu paso supèrficie nesta zona de incalculable valor ambiental, dentro da reserva do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Outros incendios que permanecen activos son os rexistrados en Cualedro (1.380 hectáreas), Chandrexa de Queixa (500 ha), Rairiz de Veiga-Sabariz (300 ha), Manzaneda-Cernado (450 hectáreas), Manzaneda-Paradela (400 ha), A Mezquita-Cádavos (400 ha) e Montederramo-Gabín (30 ha).
O desolador panorama complétase cos incendios de Vilar de Barrio, que suma 700 hectáreas queimadas, Vilardevós-Vilar de Cervo (350 ha), A Gudiña (150 ha) e Muíños-Requiás (nove hectáreas no Parque do Xurés), Ribas de Sil en Lugo (60) e A Pobra de Trives, 50 hectáreas. Están controlados ou estabilizados.
Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural deu por controlado na última hora o incendio declarado en Laza-Camba, que afecta a unha superficie provisional de sesenta hectáreas, e tamén quedaron extinguidos os lumes de Maceda, con 222 hectáreas afectadas. En definitiva, máis de 9.000 hectáreas arrasadas desde esta pasada fin de semana en decenas de incendios.
A Xunta apuntou á clara intencionalidade dos incendios posto que "a maior parte" se producen na noite do sábado e en "varios focos", cunhas condicións atmosféricas adversas, favorecidos pola calor e o forte vento, que facilitou a súa propagación, tal e como apuntou o conselleiro de Medio Rural, José González, durante as visitas realizadas aos concellos máis afectados.
Con todo, colectivos como a asociación ecoloxista Amigos da Terra e o Sindicato Labrego Galego (SLG) rexistraron un escrito dirixido ao conselleiro para pedir que convoque o Consello Forestal de Galicia con motivo da onda de incendios en Ourense.
Pola súa banda, a CIG urxiu á Xunta de Galicia a cubrir "de forma urxente" as vacantes e as baixas tras cuestionar que o Goberno autonómico siga sen facer "unha verdadeira política preventiva" e sen dotar o Servizo de Protección de Incendios Forestais de "medios materiais e persoais suficientes" para combater os lumes.
A policía detivo un home como presunto autor de varios incendios en Boiro e Lousame. O detido foi sorprendido na allada na noite do 13 ao 14 de setembro cando prendía lume utilizando un acendedor nun monte da parroquia de Cadarnoxo, en Boiro. Ao detido acúsano tamén dun incendio ocorrido o pasado 8 de setembro na parroquia de Tállara, en Lousame. No que vai de ano a Policía Autonómica detivo un total de 47 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.