CRTVG

Buscar

Máis de 70 titulacións pechan matrícula no primeiro prazo nas universidades galegas

Publicado o 17/08/2020 19:00
Máis de 70 titulacións pechan matrícula no primeiro prazo nas universidades galegas

Máis de 70 titulacións pecharon xa o seu número de prazas após concluír o primeiro prazo de matrícula no sistema universitario galego. Segundo os datos facilitados pola Comisión Interuniversitaria de Galicia, entre elas atópanse graos como o de Medicina, cunha nota de 12,892, aínda que unha parte importante foron titulacións dobres (unhas 19). Así mesmo, unhas 24 titulacións en total lograron notas de corte por encima do 10, como é Enxeñaría Aeroespacial en Ourense (superando o 11,5) ou Comunicación Audiovisual, cun 10,9.

Dous dos graos dobres lograron unha cualificación de corte superior ao 13, en concreto a simultaneidade en Enxeñaría Informática e Matemáticas e en Matemáticas e Física, ambas impartidas en Santiago de Compostela.

Este martes abrirase o segundo prazo de matrícula, que se estenderá ata as 23,59 horas do mércores, para alumnos ABAU, titulados de FP, universitarios e maiores de 25 e 45 anos, entre outros.