Máis de 650 traballadores dun matadoiro en Alemaña dan positivo en covid-19

A cifra de infectados por coronavirus entre os traballadores dun matadoiro na cidade alemá de Gütersloh, no oeste do país, superou os 650 positivos o mércores pola tarde, desatando a alarma e levando o distrito a decretar o peche de escolas e garderías.
Segundo informou un portavoz do distrito a medios alemáns, dos 983 tests realizados ata o momento deron positivo 657, aínda que non se descarta que o número poida ir en aumento, xa que nas instalacións da empresa cárnica Tönnies traballaron ata 7.000 persoas nos últimos tempos.
Tönnies anunciou esta tarde o peche total da planta para evitar novas infeccións, mentres que os traballadores contaxiados e as persoas coas que estiveron en contacto -tanto compañeiros de traballo como familiares- terán que gardar corentena, segundo foi decretado.
Ademais, de acordo co xefe de distrito Sven-Georg Adenauer, todos os colexios e garderías pecharán, aínda que non se producirá un confinamento xeneralizado.
Nunha intervención ao termo dunha reunión cos xefes dos distintos estados federados, a chanceler Angela Merkel "saudou" que o distrito tomara rapidamente e sen dubidar medidas como o peche das escolas.
"Esta é a estratexia que expomos para que o virus non se estenda máis: estar preparados para reaccionar sempre, porque podemos ter un evento infeccioso incontrolado en calquera momento", declarou a mandataria, subliñando que "non se pode repetir o suficiente" o importante que é a distancia de seguridade.
De acordo con informacións da canle de televisión NTV, moitos dos empregados da planta cárnica de Gütersloh proceden do leste de Europa e están aloxados en instalacións comunais, aínda que a cadea tamén indicou que segundo estudos científicos o virus se transmite con máis facilidade en contornas refrixeradas.
Non se trata do primeiro brote destas características nun matadoiro alemán; o 8 de maio unha planta na localidade de Coesfeld (oeste do país) pechou tras detectar 129 casos de Covid-19.
A pandemia puxo de manifesto a dificultade de cumprir as medidas de distancia e hixiene no contexto das condicións laborais existentes no sector cárnico, o que o mes pasado levou o Goberno a anunciar unha reforma estrutural do ramo, caracterizado pola man de obra temporal e inmigrante.