CRTVG

Buscar

Máis de 60 niños de velutina foron retirados no último mes en Monforte

Publicado o 30/09/2020 14:17

Os bombeiros de Monforte neutralizaron un niño de velutina no tellado deste edificio situado en pleno centro da vila. As avespas accedían ao interior do último piso a través do conduto de ventilación do cuarto de baño.

"Estaba claro que entrándome todos os días estaba cerca. Primeiro veu a persoa que nos limpa o tellado e non encontrou nada. Ao empezar o mal tempo, xa non ventilaba tanto e empecei a encontralas no cuarto de baño. Probamos a tapar a reixa de respiración do baño, que dá á cheminea, e efectivamente oíase detrás que querían entrar. Entón xa chamamos e dixémoslles que estaban na cheminea", di Katy Varela.

"Avisáronnos de que nun edificio do centro de Monforte había un niño de velutina e a última hora da tarde procedemos a retiralo. Utilizamos o vehículo de altura, con escada, para chegar a el, e inxectámoslle veleno polo oco de entrada das avespas. Posteriormente, metémolo nun saco, selámolo herméticamente, trouxémolo para o parque e destruímolo. Esa foi a última intervención que realizamos no centro de Monforte en relación coa velutina", explica Tomás Losada, sarxento dos bombeiros de Monforte.

No último mes, os bombeiros retiraron ou desactivaron máis de 60 niños de velutina en Monforte, todos con risco para a poboación. Segundo sinalan, son moitos máis ca no mesmo período do ano pasado.

"Este ano estamos retirando diariamente entre dous e tres niños de velutina. Iso só nas zonas habitadas, que son as que nos compete cando nos chama o 112. Cando se trata de niños perigosos para as persoas, imos", indica Tomás Losada.

Aos niños de velutina retirados polos bombeiros hai que engadir aqueles localizados en zonas non habitadas, dos que se encarga Tragsa.

Noticias web

30/09/2020