CRTVG

Buscar

Máis de 6 millóns e medio de electores, chamados a votar en Andalucía

Publicado o 02/12/2018 15:00

Desde as nove da mañá a maquinaria electoral permanece en marcha. Polo momento sen incidentes graves. Máis de seis millóns e medio de cidadáns poderán exercer o seu dereito ao voto ata as oito da tarde cando se pechen os preto de catro mil colexios electorais.
Elixirán os 109 deputados ao Parlamento autonómico.

Son algo máis de 3.800 colexios electorais, con 10.038 mesas repartidas polas oito provincias andaluzas, que abrían as súas portas ás nove da mañá. A xornada está a transcorrer con normalidade, salvo algunhas incidencias nas primerias horas, das que daba conta a conselleira de Xustiza e Interior, Rosa Aguilar, en rolda de prensa desde o Centro de Datos en Sevilla.

Durante dúas horas suspendeuse a votación nun colexio do municipio de Sanlúcar de Barrameda por falta de papeletas de Equo. Nese municipio quedaban ademais sen constituír nun primeiro momento dúas mesas porque ningún membro, nin titulares, nin suplentes, se presentara. Dous colexios de Córdoba abrían con minutos de atraso. Todos eles pecharán tamén máis tarde. Ademais, efectivos do dispositivo de seguridade desaloxaban dúas persoas dun colexio de Granada por leren no seu interior un manifesto.

Nestes comicios o PSOE aspira a manter o goberno autonómico. As enquisas dábano como gañador pero moi lonxe de ter unha maioría para gobernar. Todo apunta a que serán necesarios os pactos. Andalucía está pendente tamén dunha eventual suma de PP-A e C's e da posible irrupción de VOX.

Os resultados iranse coñecendo co escrutinio en tempo real a partir das oito da tarde.

Noticias web

02/12/2018