CRTVG

Buscar

Máis de 6.000 vivendas quedaron sen luz pola nevarada

Publicado o 07/12/2020 13:44

A intensa nevarada que caeu o venres provocou a rotura de postes da rede eléctrica que deixaron sen servizo, durante máis de 48 horas, diferentes núcleos dos concellos de Castroverde, Baralla, Samos, Láncara, O Corgo, Baleira e Becerreá.

En total foron 6.000 as vivendas afectadas. Ademais, tamén estiveron sen servizo de telefonía e mesmo sen auga nos casos en que utilizan motores eléctricos para o bombeo dos pozos. Así, foi preciso alugar grupos electróxenos para poder contar con luz nas casas, moitas das cales tiveron estes días a matanza do porco. Os veciños cren que os efectos da nevarada son inevitables pero protestan pola demora en repoñer o servizo eléctrico.

"Estabamos de matanza e conseguimos un grupo electróxeno porque nolo prestaron. Hoxe non sabemos facer nada sen luz. E tamén estivemos sen cobertura". "Tivemos que andar con candeas. E para ir á cama, cunha linterna ou cos móbiles. E contentos". "Seica viñeron catro coches de Fenosa para arranxar e deron onte a luz".

Nunha granxa de Castroverde, a maior parte das vacas quedaron sen muxir polo que non van ingresar nada pola venda do leite deses días. Ademais, a saúde dos animais tamén se resente ao non seren muxidos.

"Nesas horas non puidemos muxir. Estamos aínda facendo os cálculos, pero cremos que se perderon uns seis litros por vaca".

Algúns dos afectados xa pensan en presentar reclamacións para que, polo menos, non lles cobren na factura os dous días e medio que estiveron sen luz.

Noticias web

07/12/2020