CRTVG

Buscar

Máis de 500 bombeiros loitaron durante horas contra as lapas

Publicado o 16/04/2019 16:24

Este era o momento máis dramático e impactante. Pouco antes das oito da tarde, o mundo contemplaba conmovido a caída da agulla central da catedral, de 93 metros de altura, e que fora engadida no século XIX.

Tras horas de traballo inxente de máis de 500 bombeiros, contra a unha da mañá daban por controlado o lume, que destruíra dous terzos do teito e a armadura e derrubara unha parte da bóveda. Con todo, a estrutura, aínda que moi danada, conseguía salvarse. A primeiras horas da madrugada, víanse os danos no interior.

Como informaba o arcipreste de Notre Dame, as reliquias que atesoura o templo, como a coroa de espiños de Cristo, non se viron afectadas. Foron trasladadas a dependencias municipais. Todo París saíu á rúa para contemplar o traballo dos bombeiros e a evolución da traxedia.

Afortunadamente, a traxedia non deixou vítimas mortais. O Servizo de Bombeiros informou de que dous axentes da policía e un bombeiro quedaron feridos leves tratando de salvar do lume este emblema parisiense rematado en 1345.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/04/2019