CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Máis de 50 mortos en Gaza nas protestas contra a inauguración da embaixada dos EUA en Xerusalén

Publicado o 14/05/2018 21:27





Estados Unidos inaugurou esta tarde a súa embaixada de Israel en Xerusalén. O traslado dende Tel Aviv supón o recoñecemento da Cidade Santa como capital israelita, en contra do consenso internacional que considera que dificulta o proceso de paz. Milleiros de palestinos protestaron en Gaza xunto á fronteira. 55 faleceron e máis de 2.700 quedaron feridos, máis da metade abatidos por fogo real do exército israelí.

Á mesma hora en que se declaraba o Estado de Israel hai 70 anos. Ivanka Trump, en nome do seu pai, e o secretario do Tesouro destaparon a placa que inaugurou a embaixada dos Estados Unidos en Xerusalén. "En nome do 45º presidente dos EUA, dámosvos a benvida oficialmente, por primera vez, á embaixada dos EUA aquí en Xerusalén, a capital de Israel".

"Ao recoñecer a historia, vostede fixo historia", díxolle a Donald Trump ao primeiro ministro israelita, Benjamin Netanyahu. Trump enviou un vídeo, en que reiterou que Israel é un país soberano para decidir cal é a súa capital. E insistiu en que o seu país están comprometido coa paz na rexión.

Pero as protestas sucedéronse nos territorios palestinos, unha delas a escasos metros da nova embaxiada. En Gaza, producíronse o maior número de mortos nun só día dende 2014, cando 40.000 persoas protestaron xunto á fronteira. O exército denuncia que lanzaron artefactos explosivos, rochas e pneumáticos ardendo contra o valado e contra os seus soldados, polo que responderon con material antidisturbios e fogo real. O máximo responsable de Dereitos Humanos da ONU condenou a represión que rematou, dixo, con ducias de asasinados.

A última vaga de protestas en Palestina, iniciada o 30 de marzo, acumula máis dun cento de mortos. E este martes manifestaranse contra a fundación do Estado de Israel, o que eles coñecen como o día da Catástrofe.

Telexornal Serán

14/05/2018