CRTVG

Buscar

Máis de 50.000 persoas maniféstanse en Avilés contra o peche de Alcoa

Publicado o 09/11/2018 08:32

Unha manifestación multitudinaria percorreu onte á tarde as rúas de Avilés contra o peche de Alcoa. Máis de 50.000 persoas, segundo os cálculos da organización, participaron nesta marea amarela, para esixirlle á multinacional que paralice os ERE sobre a planta asturiana e a da Coruña. Os traballadores pídenlle ás administracións medidas eficaces para facer viable a industria con forte dependencia da enerxía.

Fillos dos traballadores de Alcoa á fronte dunha pancarta berrando o lema da marea amarela que percorreu Avilés para frear as pretensións da multinacional, e que contou cun gran apoio social.

Comerciantes e hosteleiros non dubidaron en pechar antes para sumarse á marcha.

Á vila asturiana acudiron traballadores da planta da Coruña e de San Cibrao e tamén houbo unha ampla representación dos principais partidos de sindicatos.

Mentras se producía a mobilización nas rúas de Avilés, celebrábase en Madrid a primeira reunión entre as distintas administracións da que saíron algúns compromisos para garantir unha solución ao peche.

O Goberno axudará a industria electrointensiva para evitar o peche de Alcoa

Unidade de acción entre as administracións central, autonómicas e locais para buscarlle solución ao conflito de Alcoa. Como primeira medida acordaron pedirlle á empresa que paralice o ERE de despedimento colectivo. En segundo lugar, crear unha mesa de negociación entre todas as partes para buscar solucións conxuntas.

O Goberno central comprométese, ademais, a aboar as contías previstas nos presupostos xerais deste ano para as empresas como Alcoa, a activar antes de finais de decembro a poxa de ininterrompiblidade, e a traballar para buscar un marco estable para o prezo da enerxía. Algo que os presidentes de Galicia e de Asturias consideran fundamental para garantir o futuro de Alcoa.

O Ministerio de Industria actuará como interlocutor coa empresa. Queren que a mesa negociadora se poña en marcha de maneira inmediata.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/11/2018