Máis de 5.000 veciños de Ribeira, convocados a un cribado masivo para localizar casos ocultos
Ringleiras desde primeira hora da mañá na lonxa de Ribeira. Hoxe comezou o cribado co que pretenden analizar os máis de 5.500 veciños do concello que teñen entre 40 e 50 anos. Unha medida para tratar de cortar a cadea de contaxios.
Juan Vázquez, facultativo de Medicina Preventiva do Hospital do Barbanza, di que "son unha franxa de poboación con moito máis nivel relacional que outras franxas de idade porque son poboación activa, con fillos nos colexios... É posible que existan casos ocultos e tratamos de ver se saen á luz".
Docentes, traballadores de conserveiras, mariñeiros, empregados de hostalería... todos nesa faixa de idade, responderon masivamente ao chamameto do Sergas que recibiron no seu móbil vía SMS: "Estou nese perfil, de entre 40 e 50 anos. Traballo nun colexio público de infantil e primaria daquí de Ribeira e creo que é necesario". "Por algún sitio tiñan que empezar, as súas razóns terán". "Hai que rastrexar a cadea, é a lóxica do cribado. Acudimos por puro civismo", comentan algúns veciños dos que están á cola. Espírito de colaboración malia a incomodidade da proba.
Un cribado para detectar casos orfos nun concello que hoxe se achega xa aos 50 casos activos. Escolleron a técnica do pooling, por agrupación de mostras, o que permitirá testar con rapidez un amplo número de mostras. Un esforzo loxístico que requeriu da colaboración de Protección Civil e das forzas de seguridade.