CRTVG

Buscar

Máis de 440 contaxiados e 27 falecidos nas residencias de maiores de Galicia

Publicado o 03/04/2020 20:32

A situación máis crítica estase a vivir nas residencias de maiores. Hai agora mesmo 441 contaxiados e xa faleceron nestes centros 27 persoas dende o inicio da crise. Entre os maiores focos de contaxio están dúas residencias da empresa DomusVi de Aldán e de Barreiro. E desta última comezan xa a sacar maiores sans para evitar que se contaxien.

Con aplausos de ánimo. Así eran recibidos os catro primeiros maiores trasladados á residencia de tempo libre de Panxón, o lugar elixido pola Xunta para acoller os usuarios dos centros da área de Vigo non contaxiados polo coronavirus. Son afortunados. Veñen da residencia de Barreiro, onde morreron xa oito persoas dende o inicio desta crise.

E é que xa son 27 os falecidos en residencias da terceira idade, 39 se se contan os que morreron en hospitais despois de seren trasladados. Seis deles nas últimas 24 horas: un na residencia do Portazgo na Coruña, outro nunha das residencias da Fundación San Rosendo en Ourense, dous no centro de DomusVi en Santiago, e dous noutra das residencias que DomusVi xestiona en Aldán, un dos maiores focos de contaxio.

En total, en Galicia, hai 22.400 usuarios de residencias. O dous por cento están infectados polo coronavirus, é dicir, 440 persoas.

Noticias web

03/04/2020