CRTVG

Buscar

Máis de 400 participantes no encontro 'Mocidade', no Gaiás

Publicado o 26/10/2019 22:48

Son finalistas do programa "Xuventude Crea" na modalidade de graffiti. Teñen ata as cinco da tarde para rematar as súas obras. O artista urbano Mon Devane, que forma parte do xurado, tamén deixa a súa pegada neste encontro transfronteirizo que reúne no Gaiás máis de 400 persoas de Galicia e norte de Portugal.

"Vén ser un punto de encontro para esa mocidade creativa, emprendedora e con talento. Para que se coñezan e vexan casos de éxito doutras persoas que tendo unha idea puxeron en marcha o seu proxecto empresarial", asegura Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Teñen entre 18 e 30 anos e durante tres días comparten experiencias e iniciativas de todo tipo. Esta agrupación desenvolve proxectos abondo variados a través da cultura urbana.

"Ás veces co rap, podemos facer normalización lingüística, rapeando versos de poetas galegos; ou ou co beat vox traballar audición e linguaxe ou con logopedas", explica Pablo Castiñeira, presidente da asociación Vella Escola.

Na sección de relatorios agora toca falar das oportunidades que ofrece a industria do videoxogo. Mentres nos distintos postos, particulares, colectivos e asociacións de voluntariado explican o seu traballo.

"Congrega os dez concellos de Viana do Castelo. Son 42 asociacións xuvenís que fan todo tipo de actividades, unhas máis culturais, outras deportivas, sociais...", di Andreia Belo, presidenta da Federación de Asociacións Xuvenís do Distrito de Viana do Castelo.

O encontro está enmarcado no proxecto europeo Interreg. Este domingo remata cun percorrido polo último treito do camiño de Santiago dende o Monte do Gozo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/10/2019