CRTVG

Buscar

Máis de 400 persoas participan na feira de ciencia que organiza o IES David Buján de Cambre

Publicado o 22/09/2019 15:18

O xenetista galego Ángel Carracedo fala do seu traballo. Contesta as preguntas dun público entregado: xente de todas as idades que participa en Cambre nunha feira de ciencia tan inusual como sorprendente.

"Espectacular, a min emocionaoume. Ver todos estes rapaces, todos estes mestres de tantas partes con tantos experimentos e tanta imaxinación. Espectacular! Unicamente vir paga a pena", asegura Carracedo.

O Club de Ciencia do instituto David Buján de Cambre encárgase da organización. Selecciona os proxectos doutros centros educativos interesados en participar; prepara os postos, as actividades e tamén os relatorios.

"Pretendemos que os divulgadores científicos estean preto dos pequenos e que os pequenos vexan que os científicos e científicas poden traballar con eles. Do mesmo xeito, que vexan que non só se fai ciencia na universidade. Aquí hai fab labs, asociacións científicicas, astronómicas, históricas...", explica José Viñas, mestre de bioloxía do IES David Buján de Cambre.

"Non é só a típica imaxe aburrida da ciencia. Podemos adaptala aos nosos propios gustos, con ámbitos tecnolóxicos, artísticos, musicais...", engade María Vila, alumna de 2º de bacharelato do centro.

"A vida científica é así. Parecido pero a outra escala. Aquí hai rapaces de toda España interaccionando, presentando e comunicando as súas ideas de xeito admirable. A ciencia é iso", considera Carracedo.

Neste segunda edición participan 400 persoas, de distintos puntos de España, entre escolares, docentes e persoal investigador. Ávidas de coñecemento e con curiosidade infinita, tentan poñer en práctica os dous principais lemas desta feira: prohibido non tocar e prohibido non copiar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/09/2019