CRTVG

Buscar

Máis de 4.000 alumnos regresan ás clases presenciais no Val de Aridane

Publicado o 18/10/2021 08:37

Tras un mes incesante de erupción, o balance é: 750 hectáreas arrasadas, 1.800 edificacións destruídas e negocios, milleiros de damnificados, sete mil evacuados e o volcán non dá sinais de parar, segue máis activo ca nunca, continúa expulsando lava, pedras xigantescas, cinsa e gases.

Hoxe, os alumnos da zona sueste da illa volverán ao colexio tras catro semanas suspendidas as clases presenciais nos municipios de El Paso, Tazacorte e Los Llanos. Tamén volverán aqueles alumnos, un cento deles, cuxo colexio xa sepultou a lava, coma o de Todoque.

En canto ao avance das dúas coadas, a que máis preocupa é a que arrasou o supermercado de La Laguna, que avanza a uns 15 metros por hora e ten enerxía e carga, din os expertos, para alcanzar o mar; está a menos de 200 metros. Segundo as medicións dos técnicos, esta fronte rexistra unha temperatura de 1.270 graos.

Pouco antes de que alcance o océano, confinarase por precaución a poboación da costa de Tazacorte, polo risco das explosións que se produzan e os gases que emanen. Nalgúns puntos da illa, a calidade do aire empeorou por momentos, inda que os expertos din que é razoablemente boa, segundo as medicións da Garda Civil e a UME. Ao longo desta semana, prevese que vaia mellorando.

O aeroporto da Palma non chegou a pecharse durante a fin de semana, pero non operou ningunha aeroliña pola nube de cinsa. Canceláronse case 60 voos entre o sábado e o domingo.

A vicepresidenta Nadia Calviño viaxa hoxe á illa para analizar canda as autoridades da Palma o impacto económico do volcán. Estímase que os danos superan os 450 millóns de euros, o cal supón o 30 % do seu Produto Interior Bruto.

Noticias web

18/10/2021