CRTVG

Buscar

Galicia retoma a vacinación masiva con 40.000 doses de Pfizer

Publicado o 19/04/2021 13:57

 Dun total de 32.560 galegos citados, de 70 a 79 e de 60 a 65 anos, vacinouse a fin de semana o 75 %

Galicia retoma a vacinación masiva con 40.000 doses de Pfizer

O Sergas retoma este martes a vacinación contra a covid−19 en grandes recintos. Ademais de nestes grandes recintos, vacinarase tamén en hospitais e centros de saúde para administrar algo mais de 40.000 doses de Pfizer este mesmo martes.

En Vigo foron citadas 12.600 persoas de 75 a 79 anos; na área de Santiago de Compostela-Barbanza, alcanzarase unha cifra similar. En Ferrol están convocadas unhas 2.000 persoas no recinto FIMO da poboación comprendida entre os 70 e os 79 anos; na área da Coruña-Cee, serán unhas 7.000, e na de Ourense superarán as 3.000 no recinto de Expourense e ata 4.873 noutros centros de saúde. Tamén están citadas 5.000 persoas no Hospital de Lugo, 1.600 na Mariña e 1.600 en Monforte, na área de Lugo, e 2.425 no recinto feiral de Pontevedra, xunto con 500 en FEXDEGA, en Vilagarcía.

Segundo os datos do informe que publica o Ministerio de Sanidade, na comunidade autónoma galega foron administradas 48.262 vacinas desde o venres. En total, puxéronse o 93,6 por cento das doses que Galicia recibiu, é dicir, 865.840 das 924.865 doses que chegaron. Con elas, foron inmunizadas con polo menos unha dose 649.603 persoas, o 27,5 por cento da poboación diana.

Pola súa banda, 216.237 persoas, o 9,2 por cento da poboación diana, completaron a pauta. Os datos do informe con data deste luns, que recolle os datos ata o domingo 18, revelan que do grupo de 70 a 79 xa recibiron en Galicia polo menos a primeira dose o 53,2 por cento da poboación por vacinar, un total de 154.014 persoas.

Datos do Sergas

Durante esta fin de semana vacináronse un total de 32.560 persoas pertencentes aos grupos poboacionais de 60 a 65 anos e de 70 a 79 anos. Así, das máis de 42.000 persoas citadas en grandes recintos durante as xornadas do sábado e do domingo acudiu o 75 % para vacinarse contra o coronavirus. 

Na xornada do domingo, nos recintos de vacinación masiva habilitados por Sanidade vacináronse un total de 21.274 persoas pertencentes ao segmento de poboación comprendido entre os 70 e os 79 anos. Neste sentido, das 25.550 persoas que estaban citadas, vacináronse coa primeira dose o 83 %.

Atendendo ás diferentes áreas sanitarias, este domingo 4.336 persoas foron vacinadas na área de Coruña-Cee, 1.527 na área de Ferrol, 3.886 na de Santiago-A Barbanza, 1.989 na de Pontevedra-O Salnés, 4.366 na de Vigo, 2.476 na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras e 2.694 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

Ademais, segundo informa Sanidade, durante esta fin de semana intensificouse a realización de cribados poboacionais en diferentes localidades galegas. Así, das preto de 25.000 persoas que estaban chamadas para realizar probas diagnósticas, 25 deron resultado positivo. En concreto, detectáronse 11 casos no conxunto de puntos de cribado habilitados na cidade da Coruña, un positivo no aeroporto de Alvedro, catro no cribado de Meira, un no do Barco de Valdeorras e oito nas diferentes probas realizadas en Vilanova de Arousa.