CRTVG

Buscar

Máis de 300 aspirantes compiten en Pontevedra para entrar no corpo de Policía Local

Publicado o 24/03/2021 14:52

O primeiro, as medicións, para saber se as e os aspirantes reúnen os requisitos físicos esixidos para o posto de Policía Local. Despois, comezan as probas, hoxe toca velocidade. Hai quen considera os 50 metros como o escollo máis difícil de superar.

Yaiza Leiro Cambeses é unha desas aspirantes, que asegura que para a proba dos 50 metros: "Hai que ser rápido, e se non es rápido podes mellorar adestrando a saída, que é onde máis se falla, pero bueno, constancia e a seguir".

Máis de 300 aspirantes compiten hoxe nas probas. Xa superaron a parte teórica, desta volta toca demostrar as capacidades físicas.

Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias, explica que "a profesión de policía require, ademáis duns coñecementos e unha preparación técnica, unha preparación física para acreditar e poder realizar os servizos".

Hoxe hai quen arrisca non só o seu posto de traballo, senón a súa vocación profesional.

É o caso de Xiana González Estévez, que afirma: "Eu son unha persoa que lle encanta axudar á xente e empatizo moito coa xente e estamos de cara a axudar á cidadanía e é o que a min me gusta, o que me gustaría traballar no meu futuro". 

Outros aspirantes xa intentaron entrar nos corpos doutras forzas de seguridade, pero sen éxito. Hoxe buscan tamén un futuro profesional

Como Antonio Iglesias González, quen conta que xa probou na Garda Civil pero non tivo sorte. E engade: "Agora como non quero moverme moito por España pois mellor policía local. Gústame o trato coa xente, máis próximo á Policía Local que a Garda Civil, para o meu entender, e un posto fixo, claro".

Quen supere os exames físicos terá que pasar aínda por unha proba psicotécnica. Este ano hai 94 vacantes de Policía Local en 36 concellos galegos.


 

Noticias web

24/03/2021