CRTVG

Buscar

Máis de 30 vítimas mortais e dous millóns de hectáreas arrasadas nos incendios dos EUA

Publicado o 14/09/2020 21:54

 

Reducíronse a sesenta os cen incendios que chegaron a estar activos simultaneamente na costa oeste dos EEUU, onde espesas cortinas de fume cobren o ceo de Washington, Oregón e California. Neste último estado arderon máis de 1,2 millóns de hectáreas dende o inicio dos incendios por mor dunha treboada eléctrica a finais de agosto. Tamén neste estado apareceron a maior parte das vítimas mortais, que xa superan as trinta. Esta fin de semana localizaron medio cento de persoas desaparecidas, pero as tarefas de busca continúan e en Oregón as autoridades advirten de que non saben cantas vítimas pode haber baixo as cinzas, especialmente en zonas rurais das que moitas persoas non puideron fuxir.

Unha muller explica como a súa familia tivo que fuxir collendo os animais e unhas poucas maletas, botándose á estada sen saber cando poderán volver ao seu fogar.

Hai millerios de persoas nesta situación e, aínda que nas últimas horas a mellora do tempo axudou aos bombeiros na contención do lume, a previsión preocupa porque fala da volta de refachos fortes de vento e da ausencia de chuvia a curto prazo. Nos estados afectados, o fume non deixa ver o sol e é complicado respirar.
 

Noticias web

14/09/2020