CRTVG

Buscar

Máis de 3.800 persoas corren contra o cancro na Coruña

Publicado o 09/06/2019 19:05

En 2018 diagnosticáronse preto de dezanove mil novos casos de cancro en Galicia. Nos últimos anos, o traballo dos investigadores permitiu mellorar as taxas de superviviencia e tamén houbo avances nas terapias, que cada vez son menos agresivas. Máis de 3.800 persoas apoiaron a investigación contra o cancro participando nunha carreira e nunha andaina solidarias na Coruña.

Sempre hai ambiente de festa no centro da Coruña cando a cor verde se impón ao gris do asfalto. A carreira contra o cancro reuniu máis de tres mil oitocentos deportistas. A recadación íntegra contribuirá a financiar proxectos de investigación. 

Gemma García Abril é xerente da AECC na Coruña: "A investigación vainos permitir lograr que a superviviencia do cancro sexa maior. O noso obxectivo é que chegue ao 75% e agora mesmo está por riba do 50%".

"Intentar buscar novos fármacos e diagnósticos máis precoces. Estamos intentando avanzar no que nuns anos será unha revolución: o modo en que se traten e se diagnostiquen as enfermidades", comenta a investigadora Angélica Figueroa.

A gran batalla contra o cancro líbrase nos laboratorios, pero tamén é un combate corpo a corpo, unha loita individual flanqueada por amigos e familias.

"Esta carreira representa a solidadiedade do deporte. Cada ano vai crecendo e demostra que a cidadanía da Coruña e solidaria e deportiva", destaca o atleta Andrés Díaz. 

A carreira tamén difunde unha mensaxe a prol do deporte e dos hábitos de vida saudables. Foi a oitava edición da proba, que bateu récord de participación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/06/2019