Máis de 25.000 galegos participan nas oposicións de Educación
O IES Antón Fraguas de Santiago é unha desas 132 sedes nas que se celebran oposicións de Educación. Aquí o exame é de inglés para secundaria.
"Para este tribunal creo que son 20 prazas e optamos a elas unhas 900 persoas. Ben, con optimismo", di un mozo.
"Son 69 temas e sácanse 5 bólas. Se che toca o tema que estudaches...", conta outro.
A convocatoria foi aprazada pola pandemia o ano pasado, pero a pandemia segue marcando as normas. Exames en 23 vilas e non só nas 7 cidades. O número de tribunais tamén se duplicou para rebaixar a media de opositores por tribunal.
"Déronnos unhas aulas. Son 60 por tribunal. Xa non son 100. Fixéronnos vir a unha aula en concreto. Agora están entrando os do tribunal 8 e despois entran os do 9 e os do 7", afirma unha muller.
A primeira parte deste proceso remata o venres. "Despois desas 26.000 persoas, as que pasen terán unha segunda parte que terá que estar rematada como moi tarde o 22 de xullo en todos os tribunais", remata Jesús Álvarez Bértolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos.