CRTVG

Buscar

Comeza con boa acollida a vacinación masiva das persoas maiores de 80

Publicado o 23/02/2021 09:54

O Sergas comezou a inmunización do groso das máis de 230.000 persoas maiores de 80 anos que non viven en residencias, tras a proba piloto do pasado venres. Este grupo de idade está considerado un dos colectivos prioritarios para recibiren a vacina fronte á covid−19.

Segundo as previsións do Servizo Galego de Saúde, o proceso, que se leva a cabo só con doses de Pfizer, rematará a principios do mes de maio. Sempre e cando, matizan as autoridades, non se produzan imprevistos cos envíos.

Hai 400 puntos de vacinación establecidos en toda Galicia. Porén, en caso de problemas de mobilidade, o persoal sanitario pode desprazarse ata os domicilios particulares de toda a xente que o precise.

No centro de saúde do Carballiño, Avelino Herrera, de 80 anos, cóntanos a súa experiencia tras a vacinación. Acudiu á cita moi animado e, tras poñer a inxección, asegura que non doeu nada. Satisfeito, anima a todo o mundo a inmunizarse polo ben común.

En toda a área sanitaria de Ourense está previsto que se inoculen este luns 750 doses, 4.400 ata o vindeiro venres.

Noticias web

23/02/2021