CRTVG

Buscar

Máis de 200.000 fogares solicitaron o ingreso mínimo vital

Publicado o 19/06/2020 08:43
Máis de 200.000 fogares solicitaron o ingreso mínimo vital

Nos catro días transcorridos desde que abriu o prazo para solicitar o ingreso mínimo vital máis de 200.000 fogares en España xa o solicitaron, segundo datos da Seguridade Social. Este organismo apunta que arredor de 76.000 dos beneficiarios xa percibirán a primeira mensualidade o vindeiro 26 de xuño, data fixada para a estrea deste ingreso.

Calcúlase que en Galicia poderá beneficiarse o 4 % dos fogares galegos, uns 40.000, e 7.000 deles xa percibirán esta prestación o vindeiro 26 de xuño. A 4.000 deles xa se lles recoñece de oficio este novo dereito, porque constan nos rexistros da Seguridade Social ao teren fillos a cargo, e outros 3.000 teñen pendente a entrega de diversa documentación para completar o trámite.

As solicitudes, a día de hoxe, só se poden tramitar en liña no portal web da Seguridade Social. Pero algunhas administracións locais habilitaron servizos e instalacións municipais para ofrecer asistencia aos posibles solicitantes. É o caso do Concello de Pontevedra, que previa solicitude na Casa Azul facilitará a realización dos trámites a todos os interesados.

En toda a provincia de Pontevedra estímase que arredor de 17.000 fogares poderán percibir esta prestación.