CRTVG

Buscar

Máis de vinte denuncias por unha festa nun hotel de Sanxenxo

Publicado o 02/01/2021 14:29

Máis dunha vintena de denuncias foron tramitadas en Sanxenxo. A Policía Local da localidade viuse obrigada esta madrugada a intervir unha festa de fin de ano que se estaba desenvolvendo nun establecemento hostaleiro de catro estrelas deste municipio, pechado perimetralmente para conter a propagación da covid-19. 

O hotel chegou a anunciar nas redes sociais unha cea con barra libre e DJ e agora o seu xerente, que xa tiña un requirimento para que abortase tal idea, segundo informaron fontes municipais, enfróntase a infraccións moi graves que poderían superar os 15.000 euros de multa. 

A situación xerada é tal que o Goberno local emitiu un comunicado no que reprocha este tipo de accións nun negocio "de gran prestixio" na zona. Nos accesos ao local os axentes pararon o 31 de decembro unha vintena de vehículos con ocupantes procedentes doutros lugares de Galicia, tales como Muxía, Vigo, Ourense e Lugo, sinala a nota remitida á prensa. 

Os desprazamentos desta xente non entraban dentro das excepcións puntuais por encontros familiares autorizadas pola Xunta con motivo da recta final das festas do Nadal. Os efectivos ordenaron por tanto o regreso de todos eles aos seus domicilios e avisaron dun endurecemento das sancións se tal mandato non era acatado. 

O segundo paso será agora, informa o comunicado, revisar a lista de hóspedes, tendo en conta que este primeiro de ano, cando repetiron inspección, atoparon unha parella do Barco de Valdeorras que non puido alegar debidamente o motivo da súa presenza alí. Á parte, os axentes viron que, a pesar dos avisos sucesivos, estaban a servirse copas libremente no interior e que mesmo había restos da celebración. O Concello lembra no seu escrito dirixido á prensa a importancia de ser "contundente" con este tipo de prácticas.