Preto de 300 mariñeiros galegos recuperan 4.600 kg de lixo do mar para reciclaxe
• 'Upcicling the Oceans' recolle e transforma os refugallos en fío para a produción téxtil
• En toda España 550 arrastreiros recuperaron 152 toneladas de residuos
Un total de 280 pescadores galegos de 28 barcos de arrastre participaron retiraron 4.600 quilos de lixo do mar ao longo do ano pasado. Fixérono de forma altruísta, no marco da iniciativa 'Upcycling the Oceans', un proxecto pioneiro no mundo para recuperar refugallos do mar e darlles unha segunda vida a través da súa reciclaxe.
A Fundación Ecoalf fixo público un informe con motivo do Día Mundial dos Océanos en que dá conta desta iniciativa que transforma os residuos, coa participación activa dos traballadores do mar, en polímero, fío e tecidos de primeira calidade para fabricar produtos téxtiles de moda.
En Galicia, o proxecto arrancou en 2018 no porto da Coruña, e o ano pasado uníronse Burela, Celeiro e Corme.
"É un orgullo para nós, os pescadores, quen vivimos do mar, pertencer a este proxecto e recuperar o lixo mariño do fondo dos nosos océanos", di Juan Carlos Borrás, xerente da Asociación de Armadores Pescagalicia-Arpega-O Barco.
Desde Ecoembes, Nieves Rey, asegura que os mariñeiros que se unen ao proxecto son "os auténticos heroes do mar".
En toda España, máis de 2.600 pescadores participaron e recuperaron o ano pasado preto de 152 toneladas de lixo mariño.
Segundo datos dos responsables do proxecto, en 2019 recolléronse un total de 151.975 quilos de residuos dos fondos mariños españois, grazas ao labor de máis de 2.600 pescadores implicados de forma altruísta, que estiveron á fronte de 550 barcos pesqueiros de arrastre, situados en 40 portos de Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e Rexión de Murcia.
O obxectivo de ' Upcycling the Oceans' é eliminar dos océanos os refugallos que danan os ecosistemas mariños, darlles unha segunda vida aos residuos recuperados a través da economía circular e concienciar sobre o problema global que supón o lixo mariño.
Este ano, ademais, vaise categorizar e analizar o lixo recollido polos arrastreiros mediante a Plataforma Marnoba da Asociación Vertidos Cero, desenvolvida co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e KAI Marine Services.
Esta aplicación, que fai partícipe aos mariñeiros do arrastre, comezou a utilizarse nalgúns portos ao longo de 2019 co obxectivo de rexistrar os principais datos que caracterizan os residuos mariños recuperados, tales como data de recollida, nome da embarcación ou coordenadas do lance, entre outros.
Un equipo de caracterizadores trasladarase a cada un dos dez portos onde se implantará esta acción para realizar alí o estudo do lixo recuperado a través da App Marnoba e despois enviará a información ao Programa Nacional de Seguimento dos Lixos Mariños en praias do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Os mariñeiros comezan o ciclo de reciclaxe depositando en colectores dos portos os residuos que atopan nas redes, que despois se analizan e separan para finalmente tratar o plástico PET e obter a partir del o fío co que se fabrican pezas téxtiles.
A organización Ecoembes subliñou que este proxecto "sensibiliza tamén os cidadáns da gravidade de encher de 'basuraleza' as contornas naturais", mentres que desde a Fundación Ecoalf lembran a necesidade de xestionar correctamente os residuos da Covid-19 pois aseguran que "co que sabemos actualmente sobre os impactos que causa o lixo mariño, non podemos permitir que as luvas e máscaras cheguen ao mar".