CRTVG

Buscar

Máis de 2.000 sancións en Galicia durante a Semana Santa por incumprir a normativa anticovid−19

Publicado o 05/04/2021 18:41

Axentes da Policía Nacional e da Garda Civil identificaron case 48.600 persoas e controlaron case 36.250 vehículos no marco do dispositivo especial posto en marcha durante a Semana Santa para o control das restricións da covid−19, a consecuencia do cal se emitiron case 1.650 propostas de sanción (un 3,3 % do total de persoas identificadas).

Así o comunicou a Delegación do Goberno en Galicia, que indicou que o obxectivo deste operativo, que continúa aberto este luns, é "o cumprimento das restricións impostas pola Xunta e o Consello Interterritorial de Saúde". Desta forma, o labor centrouse no peche perimetral e a vixilancia de zonas costeiras, de segundas residencias e vacacionais.

En total, segundo informou esta administración, durante a Semana Santa desenvolvéronse 4.577 dispositivos, en que participaron 6.425 axentes. Ademais, no que respecta á hostalaría, realizáronse 3.507 controis entre as catro provincias e en total realizáronse 157 propostas de sanción (que representan un 4 % respecto ao total de controis).

Pola súa banda, a policía autonómica realizou nos festivos da Semana Santa 144 dispositivos en 42 concellos galegos para a prevención, inspección e control do cumprimento das medidas sanitarias, que remataron cun total de 170 persoas identificadas e a tramitación de 53 denuncias.

Por provincias, de acordo con datos de Vicepresidencia da Xunta, na Coruña formalizáronse 21 denuncias e 73 identificacións, en Pontevedra efectuáronse 20 denuncias e identificouse 27 persoas, en Lugo tramitáronse 12 denuncias e foron identificadas 70 persoas e en Ourense non se emitiu ningunha denuncia. Do medio centenar de denuncias cursadas, 26 foron por circular sen máscara, 11 por fumar sen respectar a distancia de seguridade, sete por incumprir o toque de recollida, seis por estar con persoas non conviventes en espazos onde non estaba permitido e as últimas tres por senllos incumprimentos do límite de ocupación, por non ter os preceptivos carteis informativos e por crebar o peche perimetral.

No que respecta ás policías locais, en seis das cidades galegas emitíronse durante a Semana Santa máis de 500 denuncias a cidadáns e locais de hostalaría polo incumprimento dalgunhas das restricións previstas na normativa sanitaria para facer fronte á pandemia da covid−19.