CRTVG

Buscar

Máis de 1700 hectáreas arrasadas e 4000 evacuados no incendio de Gran Canaria

Publicado o 18/08/2019 21:27

O lume avanzou inexorablemente en Gran Canaria este domingo en medio dunhas condicións especialmente adversas: temperaturas de ata 40 graos, ventos de máis de 30 quilómetros por hora e unha humidade por debaixo do 10%.

Atrás quedan entre 1.700 e 2.000 hectáreas calcinadas. O panorama que se contempla nestas imaxes resulta devastador e o lume deixa atrás numerosas vivendas, granxas e pendellos estragados polas chamas no medio do monte. Os efectivos antiincendios contemplan, entre a impotencia e o abraio, a pegada deixada polas lapas, que provocaron a evacuación de máis de corenta localidades en oito concellos.

A cifra de evacuados foi aumentando ao longo da xornada ata superar as catro mil persoas e non se descarta que siga aumentando nunha área montañosa da illa na que se encadearon tres incendios desde a fin de semana pasada. Por ese motivo, algúns xa foron desaloxados dúas veces nunha semana.

Na extinción do incendio traballan unhas 600 persoas por quendas e esta tarde operaban dez medios aéreos entre helicópteros e avionetas. A noite preséntase complicada e témese que a catástrofe natural siga avanzando sen freo.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/08/2019