CRTVG

Buscar

Mais de 170 mortos en Gaza nunha nova noite de bombardeos israelís

Publicado o 16/05/2021 14:55

O ceo da faixa de Gaza iluminouse esta noite en secuencias reiteradas. As imaxes corresponden á capital da faixa, coñecida como Cidade de Gaza, que alberga 630.000 haitantes. Alí a noite foi un inferno. Ata cincuenta serie de bombardeos do Exército de Israel retumbaron na madrugada. Pero non só atacaron os israelís, xa que as milicias palestinas de Hamas lanzaron ata 130 foguetes, que impactaron sobre todo na área de Tel Aviv.

Os ataques do Exército xudeu tamén se focaron noutras zonas, como a área de refuxiados de Khan Younis, ao sur de Gaza. Alí buscaban esta mañá cadáveres entre algúns edificios derrubados. Hai unhas horas trascendía que a cifra mortos na faixa desde que comezaron as hostilidades ascende a 174, deles 47 menores. No bando de Israel son dez os falecidos.

A operación militar en Khan Younis tiña como obxectivo a vivenda do líder de Hamas, Yahya Sinwar, representante do sector máis duro da organización. Estas imaxes corresponden precisamente a ese ataque, que tamén incluíu o edificio no que supostamente vivía o seu irmán, Mohamed Sinwar, xefe da loxística deste movemento islámico.

Desde Israel sosteñen que Hamas perseguía esta escalada tras atacar Xerusalén para reafrmar o seu porotagonismo nos territorios ocupados. Os palestinos, pola contra, sinalan que a violencia foi buscada por Netanyahu para torpedear en Israel calquera alternativa política ao seu goberno. E mentres, a ONU reúne hoxe o seu Consello de Seguridade de urxencia para tentar axilizar a mediación no conflito e rebaixar as tensións.

Noticias web

16/05/2021