Máis de 140.000 persoas completaron o Camiño no que vai de ano
A Xunta destaca que se acadaron xa os 140.000 peregrinos chegados a Compostela, cando en realidade esta era a cifra que o Goberno galego tiña previsto conseguir ao remate do 2021. Outubro consolida unha recuperación no Camiño.
A Administración galega está moi satisfeita cos fitos acadados no Camiño de Santigo neste esperado Xacobeo 2021. O mes de outubro comeza con moi boas cifras, máis de 1.200 compostelas entregadas onte. Pero é que xa o mes de setembro achegou un grande movemento de peregrinos, máis de 37.000 rexistrados na Oficina do Peregrino, unha marca superior á do mes de xullo.
"Imos, se todo vai segundo o previsto e segundo o ritmo destes últimos días, selar a compostela 140.000, que eran as expectativas que nos marcabamos para todo este ano, ata o 31 de decembro e resulta que con moi poucos días do mes de outubro xa imos chegar. Esta é a demostración de que no Camiño se fixeron as cousas moi ben. Fíxoas, sinceramente, creo que a Xunta de Galicia, fixéronas por suposto os hostaleiros", asegurou Alfonso Rueda.
O vicepresidente Rueda tamén destacou o papel dos policías para que Galicia se convertera este verán en destino seguro de moitos turistas. Fíxoo nun acto en que se recoñeceu o labor e o esforzo colectivo que os policías adscritos á comunidade autónoma realizaron durante toda pandemia. Nesa homenaxe tamén se entregaron varias cruces ao mérito policial e se lles entregaron senllas condecoracións ao xerente do Servizo Galego de Saúde e á directora xeral de Saúde Pública.