CRTVG

Buscar

Máis de 120 mortos e 1.300 desaparecidos en Alemaña e Bélxica a causa das chuvias

Publicado o 16/07/2021 22:31

A cifra de mortos polas devastadoras inundacións que asolaron o oeste de Alemaña, as máis graves da súa historia, elévase a 106. As autoridades cren que o número pode seguir aumentando xa que 1.300 persoas continúan desaparecidas. O panorama é catastrófico nos estados federais de Renania-Wesfalia e Renania-Palatinado. As riadas causadas polas fortes precipitacións na madrugada do xoves levaron por diante edificios enteiros, derrubaron numerosas estradas e provocaron o corte das liñas férreas, das telecomunicacións e da subministración eléctrica.

Os danos materiais son, polo momento incalculables. O goberno federal mobilizou o exército para axudar nos labores de rescate e declarou a alarma militar. En Bélxica, as chuvias torrenciais causaron ata o de agora 23 mortos. Hai miles de afectados e os danos materiais no sur do país aínda están a ser cuantificados, segundo os últimos datos do Goberno belga. O temporal tamén afectou os Países Baixos, onde as autoridades pediron a evacuación de dez mil veciños da cidade de Maastricht ante o perigo do rebordamento do río Mosa ao seu paso pola cidade.

Noticias web

16/07/2021