CRTVG

Buscar

Máis de 100 detidos en Rusia en protestas a favor de Navalni

Publicado o 21/04/2021 18:41
Máis de 100 detidos en Rusia en protestas a favor de Navalni

Máis de 100 persoas foron detidas en distintas cidades rusas durante as manifestacións que teñen lugar este mércores en apoio ao líder opositor Alexéi Navalni, cuxa saúde se deteriorou en prisión. Segundo o portal OVD-Info, especializado no seguimento de arrestos e a defensa de detidos, ata o de agora foron detidas 113 persoas en 39 cidades.

A maioría das detencións (19) producíronse na cidade siberiana de Kémerovo, onde a protesta xa acabou. Noutras urbes siberianas como Irkutsk e Tomsk, onde pola diferenza horaria con Moscova as manifestacións tamén finalizaron, houbo así mesmo preto dunha decena de detidos. Ao mesmo tempo nunha das principais cidades da rexión, Novosibirsk, onde no acto a favor de Navalni reuníronse unhas 4.000 persoas, segundo os cálculos do portal Taiga. info, a protesta celebrouse de forma pacífica sen que se reportase ningunha detención. Entre 1.500 e 2.000 persoas concentráronse tamén na siberiana Omsk, gritando "Liberdade a Alexéi Navalni" e "Fóra o tsar", sen que se producisen incidentes.

En Moscova e San Petersburgo as protestas foron convocadas para a 19.00 hora local A Policía rusa arrestou hoxe horas antes do comezo das protestas a "número dous" de Navalni, Liubov Sóbol, e o seu portavoz, Kira Yarmish. En San Petersburgo, Yekaterimburgo e Krasnoyarsk os axentes da lei rexistraron casas e locais en busca de coordinadores locais das oficinas de Navalni, voluntarios e xornalistas, segundo medios opositores.

O Ministerio do Interior e a Fiscalía xa advertiron días antes de que tomarán "medidas" este mércores se se celebra a protesta non autorizada. As protestas celebradas en apoio do líder opositor a mediados de xaneiro, cando este regresou de Alemaña tras uns meses de tratamento dun envelenamento cun axente químico, acabaron con máis de 10.000 detidos en todo o país. 

 

Noticias web

21/04/2021