CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

Máis de 1.300 estudantes compiten esta semana no Concurso galego de robótica

Publicado o 03/02/2015 20:52

Deseñar e construír un robot que realice tarefas obedecendo as nosas ordes. Este é o desafío que teñen por diante os máis de 1.300 estudantes de toda Galicia que esta semana compiten no Concurso galego de robótica que se está a celebrar na Fundación Barrié da Coruña.

Non precisan coñecementos de electrónica nin de programación. Un kit lego é o punto de partida para deseñar e construír un robot. Tras unhas instrucións teóricas comeza a parte máis entretida...

"Agora están a ensinarnos como van os robots". "Canto máis ruído máis rápido irá, así que... aí vai... facede ruído", explica Melania Vilar, monitora do Concurso galego de robótica, quen nos amosa en que consiste o robot didáctico: "Este é o modelo completo cos sensores postos, como se trata dun concurso os rapaces atópano sen montar e na zona de concurso van montando os sensores que precisen e realizando distintos desafíos".

En tan só unha hora os rapaces teñen que conseguir que o robot obedeza as súas ordes para resolver o máximo número de probas aplicando coñecementos de matemáticas, informática e física.

Manuel Díaz, presidente da Institución Galega da Ciencia, explica que nunha das probas teñen que acadar que "se se lle pon unha lanterna ao robot que a potencia coa que se move sexa proporcional á luz que recibe".

O concurso galego de robótica busca espertar o interese dos mozos pola ciencia. "A min gustaríame estudar unha enxeñaría, algo relacionado coa informática, electrónica ou algo así"

Os gañadores daránse a coñecer este venres.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí