CRTVG

Buscar

Investígase un posible caso de coronavirus en Torrevieja

Publicado o 28/01/2020 09:09

Batalla contra o reloxo na China para conter unha epidemia que xa causou 106 mortos no país, segundo o útimo informe oficial, que di que hai 4.515 casos confirmados, 515 deles graves. Manteñen en observación 45.000 persoas. A capital, Pequín, xa rexistrou o primeiro falecido polo coronavirus. O executivo chinés prorrogou os días festivos do ano novo ata o dous de febreiro. Hong Kong recomendou aos seus funcionarios que traballen na casa.

O Executivo chinés prevé que máis de seis mil médicos cheguen a Wuhan para axudar a frear o andazo e a investigación tamén se acelera para dar cunha vacina. Din que é similar nun 85 por cento á cepa que no 2003 causou o brote de SARS, síndrome respiratorio agudo grave, que matou 800 persoas daquela en todo o mundo.

A Organización Mundial da Saúde elevou a alta a ameaza internacional por este virus detectado xa nunha ducia de países. Alemaña confirmou o seu primeiro caso en Baviera e xa evacuou noventa cidadáns, segundo informou o xornal Der Spielgel, nun avión militar. É o segundo país europeo afectado, tras Francia, que detectou tres casos.

Outros moitos países preparan a repatriación dos seus cidadáns, entre eles, España. Aquí, seis ministerios traballan para traer un grupo de vinte persoas, case todas contratadas polo equipo de futbol de Wuhan. E España tamén investiga un posible caso en Torrevieja. Están ingresados no hospital da localidade dous islandeses que acaban de estar na cidade foco da epidemia: un deles acudiu a un centro de saúde con tose e febre e activouse o protocolo establecido ante o coronavirus.

Noticias web

28/01/2020