CRTVG

Buscar

A Xunta consensúa coas empresas as alegacións ao borrador das electrointensivas

Publicado o 23/03/2019 11:11

• Piden rebaixas fiscais e descontos nas peaxes de enerxía

• O Goberno di que a proposta está no límite legal que permite a UE

Feijóo: "Se non baixa o prezo da luz non hai viabilidade para Alcoa"

A Xunta enviará o luns as alegacións ao borrador do Goberno central que modifica o estatuto para a industria electrointensiva. A proposta da Consellería de Economía foi consensuada coas empresas electrointensivas, que son as industrias que consomen grandes cantidades de enerxía e que en Galicia dan traballo a cinco mil persoas.

Nas alegacións pídese unha reclasificación das empresas en función do consumo enerxético que precisan. Outra das medidas que propoñen son rebaixas fiscais e descontos nas peaxes de transporte de enerxía. Tamén piden compensacións polo pagamento das renovables e a emisión de CO2.
 

"Son propostas realistas, que están aplicando outros países da Unión Europea e, polo tanto, o único que precisamos é que o Goberno sexa sensible a estas alegacións e que se poidan incluír no estatuto", asegura Francisco Conde, conselleiro de Economía.

O Goberno central mantén que a súa proposta para compensar os gastos das industrias electrointensivas é a máxima que permite a lexislación comunitaria. "Fixemos unha proposta que para nós é absolutamente razoable e que vai ata o máximo do que é posible e permisible co réxime comunitario. Unha segunda reflexión é dicir que o prezo da electricidade non é o único factor determinante para a permanencia destas industrias nin para a súa continuidade no futuro", afirma a Nadia Calviño, ministra de Economía.

A ministra de Economía defendeu a implicación do Goberno, que foi, dixo Calviño, do cen por cento desde o principio.

 

Noticias web

23/03/2019