CRTVG

Buscar

Maiores e alumnos comparten as súas experiencias na escola

Publicado o 21/02/2019 21:37

Sepáranos máis de 70 anos, pero hoxe xuntáronse para falar da súa experiencia na escola. Persoas maiores e alumnos de 4º da ESO dun instituto da Coruña participaron no programa Falamos da escola, da obra social de Abanca. 

A habilidade de contar e o pracer de escoitar. Máis de setenta anos separan a escola dos ordenadores e os iPads da escola da vara e a regra.

Ana Romero, directora do IES Monte das Moas da Coruña: "Hai alumnos que quedan a cadros. Un falaba das escolas de ferrado. Das escolas de que? De que? Que é iso dun ferrado".

Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación: "A misión fundamental da escola é aprender para seguir aprendendo".

Pilar Fernández foi á escola na casa dunha veciña do barrio coruñés de Monte Alto. Os nenos apiñábanse no corredor, na sala e na cociña. Pilar terminou sendo mestra.

Á escola en branco e negro foi tamén Joaquín. Conta que con dez anos lle levou un coello ao mestre en pago polos seus servizos. Como o profesor viña da cidade, foi o propio Joaquín quen matou o animal. 70 anos despois, este perito mercantil xubilado transmite a súa experiencia a mozos e mozas de 15 anos.

Delfina Ruibal, profesora do IES Francisco Aguiar de Betanzos: "Fano de marabilla. Son moi bos profesores, malia que din que non teñen estudos".

O obxectivo do programa Falamos da escola é a transmisión dun legado vital para que a xeración actual valore o dereito á educación universal, que os maiores non puideron gozar, sen esquecer que nunca se deixa de aprender.

Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación: "Sempre digo que o derradeiro diploma que un recibe ou que un debería pensar en recibir é o da partida de defunción".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2019