CRTVG

Buscar

Magatte recoñece tres dos mozos que mallaron en Samuel porque "eran os que máis o golpeaban"

Publicado o 18/08/2021 14:17

A declaración de Ibrahima e Magatte, os dous senegaleses que axudaron a Samuel mentres lle daban a brutal malleira foi clave. Ibrahima declarou perante a xuíza instructura que en canto viron a dantesca escena, decidiron intervir. Explicou que viron moitos mozos enriba doutro, de Samuel, que estaba sufrindo por mor das patadas que lle estaban dando.

Tras esa primeira agresión, á altura do Praia Club, Ibrahima contou que foi quen de erguer a Samuel e levouno polo paseo marítimo, agarrado polo brazo, axudándolle a manterse en pé porque, segundo dixo, non se sostíña ben polos golpes que recibira. Mentres, Magatte, segundo recolle o sumario, tratou de impedir que os mozos se achegasen novamente ao seu amigo e a Samuel. Porén, foi en van.

Ambos os dous declararon que os agresores continuaban dándolle puñadas e patadas á vítima mentres percorrían o paseo marítimo e se dispuñan a cruzar a estrada. Engadiron que non pararon ata que, con Samuel xa tirado preto da beirarrúa da avenida Bos Aires, viron chegar os coches da policía, e fuxiron.

Dos acusados, só Kaio, quixo contar no xulgado como aconteran os feitos. E fíxoo para se defender. Cupa a Diego e a Yumba: "Diego e Yumba estaban no chan co chaval. Primeiro separei a Yumba e despois a Diego. Depois o mozo ergueuse e alguén, que non puiden ver, gopeouno por detrás. Despois chegaron dous mozos de raza negra... Diego quería ir petarlle outra vez e eu volvín paralo".

No sumario recóllense tamén as declaracións doutras testemuñas que din recoñecer fotograficamente un dos tres primeiros mozos que perseguían a Samuel e tamén ao máis agresivo dos outros dous mozos. Unha desas testemuñas declarou que viu como sacaba unha navalla do peto do pantalón e que, "berrando coma un tolo", dicía que ía a acoitelar a Samuel no corazón porque el non tiña nada que perder.

Noticias web

18/08/2021