CRTVG

Buscar

Guaidó chama a unha folga xeral nunha xornada de tensión nas rúas de Caracas

Publicado o 01/05/2019 21:55

Os primeiros choques entre a policía e manifestantes opositores venezolanos producíronse nas inmediacións da base militar de La Carlota, en Caracas. Arestora transcorren pola cidade as manifestacións do Primeiro de Maio, en que Juan Guaidó e Nicolás Maduro miden a súa forza nas rúas. Ambos seguen apelando ao apoio das forzas armadas. Guaidó asegura que a operación Liberdade continúa viva e  Nicolás Maduro di que o levantamento está sufocado.

As manifestacións do Primeiro de Maio transcorren divididas. Guaidó xa se dirixiu á convocada pola oposición e Maduro estaba previsto que o fixera ao remate da que oficialista.

Caracas amenceu cos sinais da batalla campal do día anterior entre a Garda Nacional Republicana e os manifestantes da oposición. O levantamento está sufocado, segundo Nicolás Maduro. Juan Guaidó di que a operación Liberdade segue en marcha.

Juan Guaidó, presidente da Asemblea Nacional de Venezuela: "Hai que manterse na rúa, hai que continúar ata logralo. Así que mañá imos acompañar a protesta de paros progresivos ata lograr a folga xeral".

Nicolás Maduro, presidente de Venezuela: "A derrota dun pequeno grupo que intentou encher de violencia no intento golpista".

Venezuela vive entre a tensión e a incerteza, e cun ollo posto no país e outro nos Estados Unidos, o principal aliado de Guaidó.

Mike Pompeo, secretario de Estado dos EUA: "Unha acción militar é posible se a requiren para favorecer unha transición política en Venezuela", repetiu todo o día en varias televisións o secretario de Estado estadounidense.

E Rusia advírtelle que deixe de dar pasos agresivos en Venezuela. Mentres, no país, Guaidó segue apelando aos militares. Maduro asegura que lle son fieis e nega que estivese preparado para abandonar o país e que Rusia o persuadise de non facelo.

 

 








 

Noticias web

01/05/2019