CRTVG

Buscar

Maduro oponse á entrada da axuda humanitaria para que non interveñan o país

Publicado o 11/02/2019 08:30

Nicolás Maduro reiterou que non teme as ameazas lanzadas polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Maduro asistiu a unhas manobras do exército en que estivo tamén o xefe das forzas armadas, Vladimir Padrino. O presidente venezolano segue negándose a permitir a entrada da axuda humanitaria no país, xa que considera que se trata dunha estratexia da oposición e dos Estados Unidos para intervir no país. 

Juan Guaidó, recoñecido por máis dunha vintena de países como presidente interino de Venezuela, acudía hoxe a unha misa dominical en Caracas acompañado pola súa familia. Ao remate, Guaidó volveu advertirlles ás Forzas Armadas que manter bloqueada a axuda humanitaria "é un crime de lesa humanidade" e cualificou o chavismo de "xenocida".

O líder da oposición venezolana asegurou que eses alimentos e medicinas comezarán a entrar no territorio do país nos "próximos días".

Ademais de en Cúcuta, espérase que a axuda humanitaria comece a concentrarse noutros dous centros de acopio, un no Brasil e outro nunha illa do Caribe aínda non determinada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2019