Maduro acusa a oposición venezolana de enganar os EUA
A situación en Venezuela desatou unha guerra informativa de acusacións e contraacusacións entre o Goberno de Nicolás Maduro e a Casa Branca. Caracas acusa a Washington de orquestrar un golpe de Estado, mentres desde a Administración Trump aseguran que Maduro xa estaba nun avión para exiliarse a Cuba e que a operación foi abortada por Rusia no último minuto.
As grandes potencias inmíscense tamén no taboleiro venezolano. Do lado de Maduro posiciónanse AChina, Cuba e Rusia, aínda que nas últimas horas dous pesos pesados da administración Trump difundiron que Putin aceptaría a saída de Maduro e que a operación para o seu exilio se viu frustrada no último minuto.
Nicolás Maduro, presidente de Venezuela, asegura que "esta escaramuza golpista" dirixírona personalmente desde a Casa Branca. "John Bolton, así o denuncio. Pompeo, John Bolton, dixeron que iso estaba listo, que eu estaba montado nun avión, que ía para Cuba e que os rusos me baixaron a empurróns do avión", engadiu. Maduro acusa a oposición venezonala de enganar a Administración estadounidense, facéndolle crer que se rendería.
A guerra de sementar desconfianzas no bando adversario segue tamén desde Washington, onde relatan que existen "cabalos de Troia", dirixentes claves do chavismo, entre eles, o ministro de Defensa que, segundo afirman, formaban parte da operación dirixida por Guaidó. Segundo a súa versión, foi a negativa de Diosdado Cabello o que freou a caída de Maduro.
Responde a isto o presidente da denominada Asemblea Constituínte de Venezuela, Diosdado Cabello, que fai unha crítica dura á oposición: "Onte impúxose a improvisación. Hoxe ninguén manda. Hoxe ninguén sabe quen dirixe. Andan como zombies pola rúa os señores opositores, mirando a ver quen lles dá unha palabra de alento. Os seus líderes ou os seus supostos líderes, fóronse a unha embaixada, á comonidade dunha embaixada. Deixáronos sós, como sempre os deixaron".
Nesta escalada de de tensión, Cabello fixo tamén un chamamento aos cidadáns para que se concentren na rúa para frear a oposición.