CRTVG

Buscar

Madrid ve con optimismo o seu pase á fase 1 tras a reunión con Sanidade

Publicado o 22/05/2020 07:17
Madrid ve con optimismo o seu pase á fase 1 tras a reunión con Sanidade

O Goberno da Comunidade de Madrid ve con optimismo a posibilidade de pasar á fase 1 da desescalada o luns 25 de maio tras a reunión mantida este xoves co Ministerio de Sanidade, que, segundo aseguran fontes do o Executivo rexional, recoñeceu as "capacidades" do sistema sanitario madrileño.

O conselleiro de Sanidade da Comunidad de Madrid, Enrique Ruiz Escudero, reuniuse  telematicamente co ministro de Sanidade Salvador Illa e o seu equipo para avaliar o pase de Madrid á fase 1 da desescalada.

Fontes da Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid sinalaron a Efe que a reunión "transcorreu con cordialidade" e móstranse "optimistas" en lograr pasar á fase 1 o luns 25 de maio, aínda que a decisión non se coñecerá ata este venres.

"O Ministerio de Sanidade recoñeceu as capacidades da Comunidade de Madrid, e especialmente o seu sistema de detección precoz de casos sospeitosos", engadiron as mesmas fontes.

Ambas as administracións recalcaron na reunión, segundo a Consellería de Sanidade, "a necesidade de apelar á prudencia e á responsabilidade individual de cada español no proceso de desescalada".

A reunión bilateral tivo lugar horas despois da presentación dun recurso por parte da Comunidade de Madrid ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo contra a negativa do Ministerio de Sanidade a que a rexión pase á fase 1, porque argumenta que non houbo unha aplicación "homoxénea" dos indicadores técnicos.

O Ministerio de Sanidade rexeitou en dúas ocasións a solicitude da Comunidade de Madrid para pasar á fase 1 da desescalada, en concreto para os días 11 e 18 de maio, polo que esta solicitude do Goberno rexional é a terceira.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, dixo este xoves nunha comparecencia na Comisión de Sanidade do Congreso dos Deputados que confía en que "nos próximos días" a maior parte do país estea xa na fase 1 do plan de desescalada.