CRTVG

Buscar

Madrid suspende os tests serolóxicos a profesores polas aglomeracións rexistradas

Publicado o 02/09/2020 17:53

A Comunidade de Madrid segue sendo a poboación con máis casos en 24 horas, máis de 1.300 novos positivos. Hoxe deron comezo na capital as probas aos docentes e ao persoal dos centros de ensino, pero tiveron que ser suspendidas ata mañá, tras caóticas aglomeracións sen distancias de seguridade e con espera de varias horas.

Os contaxios na Comunidade de Madrid multiplicáronse por dous nas últimas 24 horas, pasando de máis de 500 ata superar os 1.100 novos positivos. Acontece nunha xornada en que a Consellería de Educación de Madrid suspendeu parte das probas serolóxicas convocadas para profesores e persoal dos centros de ensino, por mor das aglomeracións e esperas de varias horas. Milleiros de persoas sen gardar a distancia de seguridade causou indignación nos docentes. Cualifican a convocatoria de caótica e acelerada.

Baixa a propagación do virus en Cataluña 

En Cataluña, boas noticias por segundo día consecutivo. Baixa a velocidade de propagación do virus e tamén o risco de repunta. Está a piques de lograr que o índice de contaxios baixe de un, cando se cumpren dous meses da aplicación das restricións en Lleida e mes e medio das impostas na área metropolitana de Barcelona.

A localidade cántabra de Santoña, confinada durante 15 días 

En Benigánim, Valencia, continúan co seu confinamento para evitar a transmisión do virus. Proceso que chega tamén ata Cantabria, por un alarmante incremento dos casos en Santoña. A localidade volve a unha fase 2 estrita durante 14 días. Restrinxida a mobilidade sen causa de forza maior, e peche da hostalería, incluídas terrazas.

Os gromos seguen estendéndose polas residencias de maiores de toda España. Nas Illas Baleares, son 15 os positivos detectados nun centro de Eivisa que se suman a outros focos xa espallados por varias residencias de Mallorca. En Almería, na residencia de El Zapillo xa faleceu o sétimo usuario e os casos continúan en aumento.

 

Noticias web

02/09/2020