CRTVG

Buscar

Madrid reproba a Ortega Smith grazas aos votos de C's

Publicado o 27/11/2019 19:00

O portavoz do grupo municipal de Vox e secretario xeral do partido, Javier Ortega Smith, foi reprobado este mércores polo Pleno do Concello de Madrid co voto a favor de C's, PSOE e Más Madrid pola súa falta de respecto ás vítimas da violencia de xénero. O PP opúxose. O si de Ciudadanos permitiu, primeiro, que se debatese a moción de urxencia presentada onte polo PSOE e, despois,, que o pleno da capital reprobase a Ortega Smith.

A postura de Ciudadanos tensiona o Goberno bipartito de José Luis Martínez-Almeida que, como lembrou este mércores o propio Ortega Smith, se configurou grazas aos votos de Vox e necesita a esta formación para aprobar os orzamentos de 2020, que levarán a votación o próximo mes de decembro e negócianse xa.

Os socialistas presentaron onte esta moción de urxencia, despois de que Javier Ortega Smith fixera o pasado luns un discurso negacionista da violencia de xénero no acto institucional do Concello de Madrid polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que recibiu o reproche de Nadia Otmani, unha muller vítima de violencia machista en cadeira de rodas.

Noticias web

27/11/2019