CRTVG

Buscar

Entran en vigor as restricións de mobilidade en dez municipios de Madrid

Publicado o 02/10/2020 22:00

• Continúan limitadas as reunións a 6 persoas en toda a comunidade

• Madrid recorre a orde que pecha a capital, pero non paraliza as medidas

• Díaz Ayuso: "Grazas polo caos, Pedro Sánchez"

Dende as 22.00 horas deste venres está pechada Madrid. Non se poderá entrar nin saír libremente da principal cidade de España nin doutras nove poboacións próximas.

O Goberno madrileño confirmou este mediodía que presentaron o recurso na Audiencia Nacional contra o peche da capital. Alegan invasión de competencias por parte do Ministerio, limitación dos dereitos fundamentais e o dano económico.

Aínda así, o peche da cidade entra en vigor esta noite, xa que o Goberno autónomo non solicitou unha suspensión urxente das medidas.

Calculan unhas perdas de 750 millóns por cada semana que estan pechados os dez concellos.

Respondeulles dende Bruxelas o presidente do Goberno. Di Sánchez que só seguen criterios científicos cun único obxectivo: loitar contra o virus. E que buscan colaborar, non impoñer nada.

Como o recurso de Madrid non inclúe medidas urxentes de suspensión, así que a sala ten dez días para pronunciarse.

Mentres tanto, as restricións afectan case 5 millóns de cidadáns que non poderán saír do seu municipio excepto por causas xustificadas, como traballar.

Os bares e restaurantes só poderán recibir clientes ata as dez. E redúcese a ocupación, tamén no comercio.

A delegación do Goberno reforza a policia con 700 axentes para vixiar que se cumpran as medidas.

Continúan limitadas as reunións a 6 persoas en toda a comunidade

As restricións á mobilidade afectan dez municipios madrileños, incluída Madrid capital, que entrarán en vigor ás 22.00 horas deste venres 2 de outubro, segundo avanzou este venres en conferencia de prensa o conselleiro madrileño de Sanidade, Enrique Ruiz Escudeiro.

Nestes dez municipios residen un total de 4.786.948 cidadáns: Madrid capital, Móstoles, Alcalá de Henares, Fuenlabrada, Leganés, Getafe, Alcorcón, Torrejón de Ardoz, Parla e Alcobendas.

A pesar destas novas medidas, a norma que limita as reunións a seis persoas segue afectando a toda a Comunidade de Madrid, concretou o conselleiro de Sanidade madrileño.

Polo tanto, calquera reunión xa sexa en espazos públicos ou privados quedará limitada a seis persoas, salvo se son conviventes, e en actividades laborais e institucionais ou en que se establezan límites ou medidas específicas, detalla a norma, que xa viña aplicando a comunidade desde o pasado 21 de setembro.

Ademais da orde ministerial, o vindeiro luns tamén se comezará a aplicar unha orde da Comunidade de Madrid, pola que se mantén a estratexia de restricións por zonas básicas de saúde naquelas con menos de 100.000 habitantes e unha alta incidencia de coronavirus.

Isto só afectará as áreas sanitarias de Reyes Católicos (San Sebastián de los Reyes), Humanes e Villa del Prado.

Nestes lugares as medidas serán moi similares ás que entrarán en vigor nos dez municipios máis poboados, coa excepción de que nas zonas sanitarias con restricións os parques infantís permanecerán pechados e no resto da comunidade poderán abrir.

Noticias web

02/10/2020