Madrid prepara confinamentos selectivos e A Rioxa alerta dunha presión hospitalaria do 90 %
Os contaxios por coronavirus repuntan nas últimas horas en Madrid e tamén aumenta a presión hospitalaria. Así, o Goberno da comunidade prepara medidas máis drásticas para frear o avance da covid-19. Vanas anunciar na fin de semana, pero avanzan que irán na liña de confinamentos selectivos nas zonas con máis incidencia.
"Medidas restritivas relacionadas coa concentracións de persoas, e van afectar a mobilidade dos cidadáns. O confinamento por zonas básicas de saúde ou por áreas de saúde que son as que teñen maior incidencia", di Antonio Zapatero, conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid.
Tras o anuncio, no propio Goberno autonómico matizaron que aínda non hai nada decidido, e suspendían a tradicional conferencia de prensa posterior ao Consello de Goberno.
Na Rioxa preocupa a presión hospitalaria. "A nosa capacidade total de ocupación de UCI, neste instante, atópase nun 90 %", afirma Concha Andreu, presidenta da Rioxa. O Goberno da Rioxa restrinxe as reunións sociais a un máximo de seis persoas tanto en lugares públicos como privados e recomenda limitar a libre circulación fóra do municipio de residencia.
Mentres, en Cataluña, prorróganse as restricións quince días máis en Barcelona e na súa área metropolitana. Limitacións tamén en Valencia. Para conter o ritmo de contaxios, péchanse na cidade as zonas de xogos infantís dos parques e xardíns.
Despois de 15 días, a cidade cántabra de Santoña deixou este mércores de estar illada. "Conseguiuse dobregar a curva", asegura Miguel Rodríguez, conselleiro de Sanidade de Cantabria.
Onde aumentan os positivos é en Torrelavega. Xa hai restricións no barrio máis afectado pero descartan estender o confinamento a toda a cidade.