CRTVG

Buscar

Madrid anuncia hoxe novas restricións ante a situación de máximo risco

Publicado o 18/09/2020 08:15

Alerta máxima en Madrid pola covid−19. A comunidade ten a incidencia de contaxios máis alta de Europa, e o 60 por cento das UCI xa se destinan a pacientes con coronavirus. O Goberno rexional anunciará este venres novas restricións.

Mentres, Pedro Sánchez e Isabel Díaz Ayuso preparan xa unha reunión para coordinarse na loita contra a pandemia.

Máis do 60 por cento das UCI son para pacientes covid−19.
Son 618 casos activos por cen mil habitantes. É a incidencia do coronavirus en Madrid, a maior de Europa. Fóra de España, ningunha rexión supera os 350. O Goberno rexional evita falar de confinamento, pero prepara xa novas restricións que afectan á mobilidade.

Tamén estudan reabrir o hospital de Ifema ante o risco de que non se poida absorber o aumento de casos nas UCI. De feito, o Gómez Ulla xa montou un hospital de campaña na zona de aparcamento, por se o número de contaxios na rexión non logra estabilizarse. Sanidade insta ao Goberno de Díaz Ayuso a tomar medidas que freen a expansión do virus.

A comunidade anunciará un paquete de medidas previsiblemente este venres, dúas semanas despois de que o Goberno rexional xa incrementara, sen resultados definitivos, as restricións na capital.

Nas últimas horas Pedro Sánchez pediulle por carta unha xuntanza á presidenta madrileña. O presidente do Goberno fala dos momentos críticos que atravesa a rexión e ofrécese a complementar os esforzos do Goberno autonómico para conter a pandemia. Noutra misiva, Díaz Ayuso celebra que Sánchez aceptase a súa proposta, pero quéixase a través de Twitter de que Madrid estivo soa na xestión da pandemia. 

Noticias web

18/09/2020