CRTVG

Buscar

Madrid levará aos tribunais o Goberno por denegarlle o paso á fase 1

Publicado o 20/05/2020 19:28


A Comunidade de Madrid vai interpoñer un recurso ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo contra a decisión do Ministerio de Sanidade de denegar en dúas ocasións a solicitude da rexión para pasar á fase 1 da desescalada. O conselleiro madrileño de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, avanzou esta información nun Consello de Goberno reunido con carácter extraordinario este mércores pola tarde.

Nunha nota de prensa, o Goberno rexional sinalou que ten "dúbidas razoables" sobre se o Ministerio de Sanidade está a aplicar os indicadores "de maneira homoxénea para todas as comunidades autónomas", o que lle fai cuestionar "a validez xurídica da decisión". 

O Ministerio de Sanidade rexeitou en dúas ocasións a solicitude da Comunidade de Madrid para pasar á fase 1 da desescalada, en concreto para os días 11 e 18 de maio. O Goberno rexional solicitou novamente o cambio de fase, esta vez para o 25 de maio, e considera que desde o principio cumpre "todos os requisitos técnicos que esixe o ministerio" para lograr o visto e prace.

Insiste en que os datos que manexa a Comunidade de Madrid, como os indicadores de saúde, a capacidade de detección e seguimento de novos contaxios, así como a capacidade do sistema sanitario madrileño para facer fronte a un eventual rebrote da COVID-19, "permitirían xa o cambio de fase".

En relación coa primeira solicitude, a Comunidade de Madrid asegura que non ten "constancia de que exista ningún informe que motive o rexeitamento á petición", o que "podería supoñer un defecto grave". En canto á segunda solicitude, a Comunidade recalca que o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade é posterior á comunicación da decisión e as razóns que esgrime "non teñen relación directa cos indicadores do chamado Plan para a transición a unha nova normalidade".

O Ministerio de Sanidade xustificou nunha conferencia de prensa o primeiro rexeitamento pola falta de mecanismos de detección precoz da COVID-19 na poboación, entre outras causas. Na segunda ocasión, alegou no seu informe a necesidade de consolidar o papel da Atención Primaria e de ampliar a capacidade para facer probas PCR "xa que podería resultar insuficiente en caso de brote".