CRTVG

Buscar

Galicia seguirá coa súa propia desescalada para a hostalería e o ocio nocturno

Publicado o 04/06/2021 11:14

A Xunta anuncia que Galicia seguirá aplicando as súas medidas contra a covid, tras as aprobadas no Consello Interterritorial para a hostalería e ocio nocturno. Alberto Núñez Feijóo, que este venres dicía que "non procede tratar a pandemia con ameazas". Xa na véspera anunciaba que a Xunta rexeita o documento no fondo e na forma, por non contar, explica, coa opinión dos servizos autonómicos de saúde. O presidente comunicaba que os servizos xurídicos do Goberno galego estudan se esas normas son de obrigado cumprimento.

Co documento na man, Madrid, Andalucía e Euskadi terán que pechar o interior dos bares e restaurantes e non poderan abrir o ocio nocturno. Son as tres autonomías, das seis que votaron en contra, que dixeron abertamente que non van cumprir as medidas aprobadas pola interterritorial de Sanidade. "Nós só imos acatar as normas do noso comité de expertos e da nosa Consellería de Saúde", confirmaba  Juan Marín, vicepresidente da Junta de Andalucía.

Consideran que as medidas invaden as súas competencias e que responden a criterios políticos e non sanitarios. "Esta imposición chega tarde e vólvese cebar coa hostalería. Que comigo non conten para arruinar ningún cidadán máis, nin hostaleiro nin comerciante", denunciou Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid. "Non é o resultado dunha cogobernanza. Nós temos as nosas propias competencias e temos unha folla de ruta que se está demostrando eficaz", asegurou o  lehendakari Íñigo Urkullu.

Castela e León anuncia que acudirá aos tribunais e pedirá medidas cautelares contra as restricións. O Goberno insiste en que foron aprobadas pola maioría das comunidades autónomas e que son obrigatorias. Miquel Iceta, ministro de Política Territorial, instou a todo o mundo a que as cumpra: "Pero non porque sexa unha obriga, senón porque nos convén a todos".

Sanidade pretende ter as normas vixentes ata que o 70 % da poboación española estea vacinada. Once comunidades autónomas están de acordo. "A cidadanía merece respecto, e o respecto tamén é que a teñamos as menores discrepancias posibles para que haxa unha unidade de acción contra a pandemia", dixo Ximo Puig, presidente da Comunidade Valenciana.

Nas Baleares aplicarán incluso medidas máis restritivas ca o acordado: malia que poderían facelo, non van reabrir polo momento pubs e discotecas por precaución.

Noticias web

04/06/2021