CRTVG

Buscar

Madrid e Euskadi, novas comunidades en incorporarse ao rexistro obrigatorio de viaxeiros en Galicia

Publicado o 10/08/2021 12:11
Madrid e Euskadi, novas comunidades en incorporarse ao rexistro obrigatorio de viaxeiros en Galicia

A Xunta inclúe sete comunidades autónomas e incorpora países como Francia e Estados Unidos entre os territorios de procedencia que calquera viaxeiro que chegue a Galicia debe notificar ao Servizo Galego de Saúde no marco da pandemia pola covid-19.   

O Diario Oficial de Galicia publicou este martes a actualización da listaxe de países e comunidades autónomas con esta obrigación, que implica que as persoas que entren na comunidade galega despois de estar nestes lugares nos 14 días anteriores deben comunicar, nun prazo máximo de 24 horas, os seus datos de contacto e estancia a través da web https://coronavirus.sergas.gal/viaxeiros ou do teléfono 881 00 20 21. 

Son de declaración obrigatoria as chegadas desde Aragón, as Baleares, Cataluña, Navarra, A Rioxa e incorpóranse Madrid e Euskadi. En canto aos países de Europa, mantense a listaxe en 16 e son Andorra, Chipre, Francia, Irlanda, Islandia, Illa de Man, Xersei, Malta, Mónaco, Montenegro, Países Baixos, Portugal, Reino Unido, Rusia, Turquía e Xibraltar. Salientar que entran nesta listaxe os Estados Unidos. 

Esta medida entra en vigor este mércores, día 11 de agosto, e actualizarase nun prazo máximo de 15 días.

Noticias web

10/08/2021