CRTVG

Buscar

Madrid e Andalucía duplican os positivos diarios

Publicado o 12/08/2020 21:10

O Exército do Aire continúa coa montaxe dun hospital de campaña no aparcadoiro do Clínico de Zaragoza por se fixese falla. Nas últimas vinte e catro horas, Aragón notificoulle a Sanidade 306 novos casos. Segundo o presidente autonómico, a situación está mellorando. Asegura que a gran maioría dos positivos son asintomáticos porque se están a facer ata 4.000 PCR diarios. Reclama unificar criterios á hora de aportar datos.

"Eu o que creo que sería recomendable é que todas as comunidades autónomas dixeramos todos os días cantas probas fixemos, cantos positivos temos, cantos asintomáticos", considera o presidente de Aragón Javier Lambán.

A Generalitat da por estabilizada a curva de contaxios. No último informe do Ministerio, confirma duascentas novas infeccións. En Tarragona, investigan a morte dunha nena de once anos que dera positivo por coronavirus hai uns días.

"Sempre hai que pensar se a causa é unha ou se esta rapaza faleceu por outra causa e ademais ten o virus", explica Josep María Argimon, secretario xeral de Saúde Pública.

Madrid non puido notificarlle os seus datos a Sanidade por problemas técnicos. Porén, o Goberno autonómico confirma que se duplicaron os contaxios nas últimas vinte e catro horas. Preocupan, sobre todo, os xeriátricos. Sete persoas trasladadas a esta residencia de Valdemoro deron positivo. No seu centro de orixe detectárase un gromo.

Andalucía, con 200 novos casos, tamén duplica as infeccións diarias. E Euskadi, que suma 268 positivos, mantén a segunda posición, despois de Aragón, segundo o informe do Ministerio.

Noticias web

12/08/2020