CRTVG

Buscar

Madrid ante o risco de que miles de toneladas de neve se convertan en xeo

Publicado o 10/01/2021 14:48

Madrid segue tinguida de branco e agora o perigo radica en que o manto de neve se poida converter nun inmenso bloque de xeo. Pola noite caeron folerpas moi febles; a verdadeira nevarada rematou sobre as seis da tarde de onte tras 30 horas de acumulación incesante.

Hoxe unha das prioridades é a retirada da neve dos eixes transversais norte-sur e dos accesos aos centros sanitarios. Estas imaxes corresponden aos traballos de efectivos militares a carón do hospital Isabel Zendal. A primeira hora da mañá xa quedaron despexados carrís en cada dirección na M-30 e M-40, despois da dar por rematado o rescate de condutores atrapados en toda a comunidade. As máquinas quitaneves non deixaron de traballar desde onte pola tarde e outro obxectivo central é abrir ao tráfico as rúas principais en todos os distritos e tamén as comunicacións coas localidades illadas da serra.

"Estase traballando intensamente por parte das direccións xerais de estradas da Comunidade de Madrid e do Estado e por parte dos municipios para tentar recuperar os accesos tanto aos lugares e cidades da nosa comunidade como no interior das mesmas", explicaba Carlos Novillo, director de Emerxencias Madrid 112.

O alcalde de Madrid reuníase onte ao serán cos servizos de emerxencia e recoñecía que a capital non vai recuperar a normalidade ata finais da semana vindeira, xa que é moi complicado retirar toneladas de neve e xeo das máis de nove mil rúas da cidade. Hoxe celebrábase unha xunta de goberno extraordinaria no concello e fixábanse as prioridades, que resumía así Martínez-Almeida: "Recuperar os viais da cidade de Madrid e, por tanto, recuperar, en primeiro lugar, os viais principais nos 21 distritos. A propia análise e exame das árbores, como pode suceder no parque do Retiro, ou como pode ser neste caso a análise dos edificios e das afeccións que puideran producirse".

Tanto Emerxencias 112 como o concello piden a colaboración dos veciños para limpar de neve e xeo os accesos a portais e máxima atención ante a posible caída de máis árbores e elementos construtivos.

Noticias web

10/01/2021