Macron sorprende no G-7 coa visita fugaz do ministro de Exteriores de Irán
Non se pode dicir que o cumio do G-7 sexa aburrido e que se limite a unha serie de encontros previsibles marcados polo máis absoluto fairplay diplomático. Emmnuel Macron sorprendía ao transcender que o avión que acababa de aterrar no aeroporto de Biarritz, sobre as catro da tarde, traía a bordo o ministro de Exteriores de Irán, Javad Sharif. Mesmo se chegou a especular sobre a posibilidade de que se entrevistase con Trump, pero desmentiuse media hora despois.
O propio Donald Trump encargárase de negar previamente que Francia teña ningún mandato de mediación na cuestión iraniana. Remataba a súa entrevista co primeiro ministro xaponés, Shinto Abe, cando lle preguntaron pola presenza do titular de Exteriores de Irán en Biarritz.
Trump respondeu cun lacónico "sen comentarios" con xesto de circunstancias e deu por rematada a comparecencia ante os informadores.
O presidente estadounidense tamén interferiu no delicado asunto do "brexit" asegurándolle a Boris Johnson que propiciará un "acordo comercial rápido" co Reino Unido cando abandone o club comunitario.
"Faremos un trato fantástico unha vez que teñamos despexados algúns dos atrancos no noso camiño", sinalou Johnson. Corroborou Trump: "No que respecta ao Reino Unido e aos Estados Unidos, están traballando nun acordo comercial moi grande e creo que funcionará moi ben".
Os incendios na Amazonia volveron ao primeiro plano. Macron reiterou hoxe a necesidade dun impulso internacional para reforestar as zonas afectadas polo lume. Ademais, coincidiu con Angela Merkel na necesidade de actuar con máis determinación contra o terrorismo xihadista en África.